Tuesday 14 de May de 2024

Medio Rural inicia os traballos de reforzo do firme da estrada de Chaián entre Marzo de Abaixo e o límite do termo municipal


Esta semana deu comezo a fase principal da execución das obras para o reforzo do firme da estrada de Chaián entre Marzo de Abaixo e o límite do termo municipal, promovidas pola Concellería de Medio Rural do Concello de Santiago de Compostela, da que en pasadas datas se realizaron os traballos preliminares. As obras enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a Concellería en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Trátase dun viario estruturante entre as parroquias compostelás de Grixoa e Verdía e tamén de conexión entre os concellos de Santiago de Compostela e Trazo.

O tramo proxectado das obras comprende dende as proximidades do lugar de Marzo de Abaixo ata a ponte do río Tambre e ten por obxecto o acondicionamento e mellora do firme da estrada mediante mestura bituminosa en quente. Ademais, tamén están previstos traballos de limpeza de gabias, adaptación de tapas de pozos e rexistros, sinalización horizontal en ambos marxes do vial e no seu eixe e instalación de sinalización vertical.

A actuación ten un orzamento de adxudicación de 63.826,97 € e un prazo de execución de dous meses.

Para a execución das obras está previsto que durante a xornada laboral o tráfico circule alternativamente polo carril dispoñible. O Concello prega desculpas á veciñanza polas molestias que ocasionará esta circunstancia.